corrupción

Na valoración conxunta entre as palabras que propuxestes para a convocatoria que fixemos en Facebook mais as recollidas dos medios de comunicación –sempre  que tivesen interese léxico–, hai unha que destaca sobre o resto e por iso corrupción é a palabra do ano 2014 para o Portal das Palabras.
 

Non é casualidade que a presenza deste termo sexa moito maior dos anos oitenta en adiante. Os  datos de frecuencias son claros: no Tesouro informatizado da lingua galega (TILG), onde se recollen textos compostos entre 1612 e 2013, a gran maioría teñen data posterior a 1981. Así mesmo, nos anos máis recentes, pode comprobarse no CORGA, Corpus de referencia do galego actual, o emprego crecente da palabra corrupción na prensa escrita. A tendencia esténdese aos medios de comunicación en xeral e asemade aos usos orais dos falantes, que corren parellos á actualidade social.
 

O sentido máis presente e estendido de corrupción témolo no ámbito xurídico onde se aplica ás actividades contrarias ao Estado de Dereito desenvolvidas por cargos públicos que fan un uso indebido do poder á espera dunha recompensa, da índole que sexa, e prexudicando o interese colectivo. Loxicamente, corrupción é tamén a acción promovida por unha persoa física ou xurídica para, por medio de gratificacións, conseguir o favor dun representante público nunha actividade onde interveña unha administración. Mais o ámbito semántico da corrupción é moito máis estenso e dificulta facer unha definición completa xa que, como recoñece Fernando Vázquez-Portomeñe na entrada correspondente do Dicionario xurídico galego (2012), “o significado das expresións corromper ou intentar corromper é controvertido”.

Desta amplitude semántica dá conta a etimoloxía, xa que corrupción vén do substantivo latino corruptio, corruptionis, derivado de corrumpere, verbo creado a partir do intensificador co– e o predicado rumpere, con múltiples significados na lingua de orixe: ‘romper’, ‘quebrar’, ‘esnaquizar’, ‘rachar’, ‘fender’, ‘ferir’, ‘traspasar’, ‘violar’, ‘infrinxir’ ou ‘estalar’, por citar só algúns. O denominador común podería ser ‘unha acción que ten como resultado un estado negativo, ou deturpado, desde unha situación de orixe que se valora como referente positivo’. A este esquema básico axústanse as tres acepcións –transitivas ou pronominais– descritas no Dicionario para corromper: a referida á natureza física, a que alude ao principio moral ou a que sinala a forma primixenia. Deste xeito, pode corromperse unha froita, un servidor público ou o orixinal dun texto.

Corrupción é tamén unha palabra fecunda desde un punto de vista lexicográfico tanto no latín coma na nosa lingua, alternando dentro da mesma familia léxica as vogais < u>  / < o>  no radical, en función da tonicidade e a cantidade vocálica do étimo. Deste xeito, conviven na lingua corruptela, corruptible, corruptivo, corrupto ou corruptor con corromper, corrompible e corrompido. No extremo oposto, a familia complétase nos antónimos incorruptibilidade, incorruptible e incorrupto.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir