madalenas, ‘muffins’ e ‘cupcakes’

Se a principios do século XX unha madalena facía que un personaxe de Proust lembrase a súa infancia, non parece que a esa altura estivesen moi introducidas entre nós, pois non se recollen nos libros de cociña tradicionais nin aparecen en documentacións literarias anteriores á década dos oitenta.

Aínda que hoxe en día as madalenas gozan de grande aceptación, a denominación non aparecía recollida polo DRAG até hai pouco. A entrada no noso Dicionario defíneas como un “doce de pequeno tamaño, elaborado cunha masa fermentada de fariña, ovos, aceite e azucre, que se coce en moldes de papel, xeralmente de base circular”. Os ingredientes poden variar lixeiramente dependendo da fonte consultada, mais parece haber coincidencia en que a masa é esponxosa, que se meten no forno en moldes individuais e que a súa forma é xeralmente arredondada.

A súa orixe parece estar en Francia. Segundo a versión máis repetida, serían creacións dunha cociñeira, Madeleine Paulmier, que deleitara coa súa receita ao rei de Polonia. Outra, que explicaría mellor a súa difusión entre nós, é a dunha moza, de nome Madeleine, que llelas ofrecería aos peregrinos do Camiño de Santiago. Isto veríase apoiado polo feito de que en Francia se lles dea forma de cuncha, símbolo tradicional da peregrinación. Unha terceira explicación relacionaríaas coa Magdalena bíblica, xa que, ao mollalas, deixan caer pingueiras que recordan as lágrimas desta muller.

Tendo en conta que a preparación parece proceder de Francia, o seu nome debe vir de alí tamén e, en calquera caso, derivado do nome propio.

De incorporación máis recentes aos nosos padais, tanto que aínda non aclimatamos os seus nomes, os muffins e cupcakes son hoxe preparacións tamén de moda. Neste caso, as receitas e as denominacións son anglosaxoas.

No caso da palabra muffin, apúntase que a súa orixe estea no xermánico muffen (‘biscoitos pequenos’) ou no francés antigo moflet (‘brando’). En calquera caso, hai dúas preparacións, a orixinal inglesa máis semellante ao pan e a reinterpretada americana que, se ben admite maior variedade de ingredientes e a masa é máis compacta, é moi similar á madalena, ata tal punto que nalgúns lugares recibe o mesmo nome. Poderiamos consideralos, pois, unhas madalenas americanas.

Cuestión á parte son os cupcakes (literalmente ‘biscoitos de cunca’ porque inicialmente se usaban estes recipientes para cocelos), que, aínda que tamén van ao forno en moldes individuais, elabóranse coa masa e a decoración dunha torta. Orixinarios dos Estados Unidos, onde tamén reciben o nome de fairy cakes (polo visto cadrarían ben nunha festa de fadas), non deixan de ser unhas tortas individuais.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir